Neste artigo, vou centrarme en dous puntos fortes, diria que moi fortes de Galicia, que non son postos en valor en toda a sua potencialidade, ademáis de pola incompetencia de quen nos goberna, fundamentalmente polos preconceitos de duas das correntes ideolóxicas máis fortes do País, duas correntes ideolóxicas que sobre o mediodía do pasado 25 de Xullo se encontraban representadas, con só un muro de por medio, na catedral de Santiago e na praza da Quintana.
Para un territorio como o noso con menos de tres millóns de habitantes contar co destino do primeiro itinerario cultural de Europa e do mundo e cunha das tres grandes capitais mundiais do cristianismo, unha das relixións máis influintes da humanidade é, obxectivamente, un activo extraordinario que facilitaria enormemente gañar para Galicia unha proxección mundial que hoxe resulta evidente que non temos.
Algúns, probablemente moitos dos que estaban do muro da catedral para fóra o 25 de xullo, non son partidarios de que o papa Bieito XVI veña a Galicia durante este ano santo, eu creo, sen embargo, que sempre que a min non me obriguen nen me prohiban ir velo é unha moi boa nova xa que conseguirá atraer atención mediática en todo o mundo para Galicia e resúltame un argumento peregrino, nunca mellor dito, vindo de quen ven, que o motivo para estar en contra desa visita sexa o gasto público, cando son os partidarios do gasto público ilimitado os que protestan.
Eu que, como demócrata liberal, si son partidario da eficiencia do gasto público para poder recortar impostos sen recortar servizos e de que a relixiosidade deba pertencer ao ámbito privado de cada persoa. Que un acto como o da oferenda ao apóstolo, cun destacado papel para as autoridades civis, na peor tradición do nacionalcatolicismo predemocrático, non me pareza propio dun definido constitucionalmente como estado aconfesional (suxiro ao PP un recurso de inconstitucionalidade) non me impide ver grandes vantaxes a unha visita e uns actos públicos aos que só irá quen queira ir ver ao papa Bieito, e que nos darán minutos de pantalla en todo o mundo.
Ser un home de pouca fe non me fai esquecer que os cristiáns católicos, membros da relixión maioritaria na nosa sociedade, teñen tanto dereito como calquera a ver á cabeza da sua igrexa. Naturalmente é a propia igrexa quen se debería facer cargo dunha parte fundamental dos custos e habería que revisar esas contas da visita porque non me fio, nada en absoluto, da suposta austeridade do señor Feijóo, pero non é iso o que move aos que protestan, é pola contra o seu anticristianismo e/ou anticlericalismo o que os motiva, ainda a custa de perxudicar a visibilidade internacional de Galicia. Por suposto, a Galicia que estaba representada na oferenda ao apóstolo ve con bos ollos esta visita pero seguramente nin lle dedicou unha décima de segundo a pensar en que, esa visita, sería boa para o País.
O propio camiño e a cidade de Santiago de Compostela, cuxa relevancia internacional, non nos debemos enganar nisto, non se debe a ser a capital da nosa autonomía senón ao peso que ten na cultura cristá e ao desenvolvimento urbano que lle forneceu a sua importancia relixiosa, dan pé para potenciar a marca Galicia en todo o mundo, igual que en Cataluña, xa está posto en valor e máis que analizado por publicistas de talla mundial como Lluis Bassat, o aproveitamento por parte do seu País, dunha marca máis potente no mundo como é Barcelona o mesmo poderiamos facer nós, sen embargo no noso País, o provincianismo dos que estaban na catedral e os preconceitos anticristáns, tan fortes como para ser os únicos que lle chaman Compostela a Santiago, dos que estaban na Quintana, impiden facelo.
O segundo punto forte para a relevancia internacional de Galicia que está tamén desaproveitado é o das relacións coa galeguía (que é como se refiren á lusofonia no Brasil), temos o enorme privilexio que para si quixeran moitos, calquera no mundo, de sermos membros naturais da comunidade hispanófona ao mesmo tempo que o somos da galegófona ou lusófona e estar a desperdicialo si que é algo que mereceria unha petición do rei ao apóstolo.
Australia, Indonesia e Ucrania, entre outros paises que como todo o mundo sabe non teñen ao portugués como língua principal e con menos vínculos económicos, culturais e linguísticos coa galeguia ou lusofonía que nós, acaban de solicitar o ingreso como membros observadores na CPLP (Comunidade de Paises de Língua Portuguesa).
Independentemente da batalla ortográfica, se tivesemos un goberno galego con maiúsculas e non unha delegación provincial e provinciana da rua Xénova madrileña como temos, este goberno debería solicitar o ingreso para a nosa comunidade na CPLP, como medio para ubicar no mundo o noso nome con máis forza, abrirnos politica e economicamente ao mundo lusófono, ao tempo que mantemos a nosa vinculación coa hispanofonía, incrementaria o noso peso dentro e fóra de España e as posibilidades de negocio e por tanto de xeración de riqueza e de emprego, isto sábeno os que estaban o día 25 dentro da catedral pero como prefiren unha Galicia acomplexadiña, non moi rica e mansa, e non unha Galicia que actue con firmeza en España, Europa e o mundo na defensa dos seus intereses aposto que non van facer nada ao respecto. Os que estaban á mesma hora na praza da Quintana tampouco fixeron nada a este respecto cando gobernaban.
En definitiva, son as ideoloxías do atraso; a conservadora, subordinada e centralista dos da catedral e a marxista-leninista, totalitaria e tamén conservadora dos que mandaban na praza retirar bandeiras galegas, dous dos lastres máis importantes para o desenvolvemento e o progreso do noso País pero que non se pensen os que estaban en Rianxo tendo o lindo detalle de porlle unhas flores ao gran Castelao que penso que eles aportan algo máis, simplemente penso que, ou moi engañado me teñen, ou non teñen moi claro o que son ou o que defenden.
Por Carlos Vázquez Padín
Sem comentários:
Enviar um comentário