Na tarde do 6 de setembro, as dúas televisións públicas emitirán en directo o magazine “Aquí Portugal”, producido desde Ourense
O espazo de música, entrevistas e reportaxes terá unha audiencia potencial directa de 13 millóns de persoas ao emitirse polas primeiras canles de ambas TVs
Desde un set instalado na Praza Maior da cidade, os presentadores galegos e portugueses compartirán co público a celebración da festa local dos Remedios
Santiago, 28.08.2014.- A Televisión de Galicia e a Rádio-Televisão de Portugal (RTP) darán un paso histórico na súa colaboración mutua coa realización e emisión en continuo directo o vindeiro día 6 dun programa conxunto, segundo acordaron os responsables de ambas canles públicas. Este especial producirase desde un set instalado na Praza Maior de Ourense con motivo da festividade local dos Remedios, e consistirá nunha edición do magazine “Aquí Portugal”, que desde hai anos se leva emitindo con grande éxito as tardes dos sábados na canle lusa, e semellante ao “Aquí Galicia” que TVG empezou a emitir o pasado mes de xuño.
O equipo de produción da TVG está xa a colaborar co da RTP para resolver as necesidades técnicas e perfilar os contidos deste programa que consta de actuacións musicais, entrevistas e reportaxes na compaña dos veciños que se queiran achegar e ocasionalmente participar no propio espazo, o cal contará con presentadores de ambas as dúas canles. O proxecto conta ademais co apoio activo do Concello de Ourense e da Fundación San Rosendo.
Deste xeito, será a primeira vez que se emita un programa conxunto e en boa parte simultáneo entre as dúas entidades, e ao se ofrecer polas primeiras canles de TVG e RTP contará coa audiencia potencial directa dos 13 millóns de persoas que suman as poboacións de Galicia e Portugal. A estes pódense engadir os seguidores das canles internacionais de ambas organizacións, que chegan á ampla comunidade lusófona no mundo así como á diáspora galega.
A iniciativa do vindeiro día 6 enmárcase nos acordos de colaboración vixentes entre CRTVG e RTP, desde que o ano pasado o director xeral da primeira, Alfonso Sánchez Izquierdo, e o presidente da segunda, Alberto da Ponte, asinasen en Santiago un convenio de colaboración que abrangue o intercambio de informacións e producións, así como o desenvolvemento de proxectos conxuntos, entre outras cousas.
Na foto superior, Alfonso Sánchez Izquierdo, director xeral da CRTVG, e Alberto da Ponte, presidente do Consello de Administración da Radio e Televisión de Portugal, o ano pasado tras a sinatura do convenio.
Fonte:
http://www.crtvg.es/crtvg/crtvgviva/aqui-galicia-rtp
1 comentário:
Muito boa notícia!
Enviar um comentário